Compartir:

A Casa de Trillo de Santa Mariña conserva documentos forais co Mosteiro de Moraime que demostran a súa existencia polo menos dende 1558, sendo coñecido o núcleo como Casal de Santamarina.

Sabemos que esta casa foi berce dunha figura da historia de España, D.Benito de Agar y Leis, bautizado na capela de Santa Mariña de Prado o 4 de novembro de 1722, quen emigrou ao Nuevo Reino de Granada (Colombia) como axudante de cámara do vicerrei José Alfonso Pizarro.O seu fillo, máis coñecido que o pai, Pedro Agar y Bustillo, foi un ilustre mariño e un dos protagonistas da política española e galega da época. Chegou a desempeñar o cargo de Presidente de la Regencia, ingresou na Armada en 1780, participou en varias accións navais no continente americano, instruíu na Academia de Guardias Marinas de Ferrol e foi elixido deputado nas Cortes de Cádiz.

No entanto, o momento álxido da súa carreira tivo lugar cando en 1810 foi nomeado Presidente de la Regencia de España e Indias, responsabilidade que volveu exercer tres anos despois. Máis tarde, o devir dos acontecementos políticos do momento fixo que sufrise desterro en Betanzos, con todo, en virtude do clamor popular que esixía a volta ao poder do prestixioso caudillo liberal, en 1820 asumiu a xefatura política e a capitanía xeral do Reino de Galicia.

Actualmente, os Condes de Taboada son os representantes da liñaxe dos Agar de Santa Mariña. Na cidade da Coruña consérvase a rúa de Agar, que remata na Real, xunto ao edificio que Pedro Agar levantou a finais do século XVIII.

Desta casa tamén saíu un famoso clérigo, D. José Díaz Arosa, coñecido como O sabio de Villastose, que ademais de ser unha persoa moi culta era visitado por moitos para que os sanase das súas doenzas.

Anécdotas de José Díaz Arosa

Documentos forais do Lugar de Santa Mariña

Recensión histórica sobre Santa Mariña de Prado

Recensión histórica sobre San Ciprián de Vilastose

Biografía de Pedro Agar

Citas literarias da Costa da Morte