Compartir:
Cabo Touriñán

Santa Mariña atópase situada nun enclave privilexiado desde o que podemos realizar atractivas rutas de distintos percorridos. Un deles transcorre pola propia aldea e as leiras que a circundan, outra conduce ás formacións rochosas chamadas caldeiras labradas polo río Castro no seu curso pola parroquia de Coucieiro.

A escasa distancia que hai até a costa facilitaranos coñecer Cabo Touriñán, o punto máis occidental de España, e do que parten varias rutas pola súa agreste paisaxe. Non lonxe deste enclave agarda Fisterra, punto ao que os romanos bautizaron como Fin do Mundo.

A praia dos Muíños atópase tan só a 4 km da casa, e a pouca distancia a de Lago e a de Nemiña, moi coñecida esta entre os afeccionados ao surf. Outro lugar de interese é Ézaro, singular por acoller a desembocadura en fervenza do río Xallas, afogada polas centrais eléctricas, pero da que podemos gozar puntualmente en datas sinaladas.

Os amantes dos túmulos pétreos teñen nesta zona un gran campo de investigación. A Ruta dos Dólmenes trasládanos ás orixes da civilización galega, 6000 anos atrás. Os petróglifos de Boallo, os dólmenes de Berdoias, Pedra da Arca (Baíñas), Pedra Cuberta (Treos), Arca da Piosa (Serramo) e Dombate (Borneiro) son xacementos arqueolóxicos que non pasan desapercibidos para o docto nestes temas.

Outro dos ingredientes da Costa da Morte é a súa riqueza en artesanías. O Castelo de Vimianzo, outrora residencia dos Condes de Altamira, acolle unha mostra de artesanía en vivo durante todo o ano na que se poden ver as palilleiras de Camariñas, Muxía e Vimianzo, os oleiros de Buño, o traballo do liño, zocos, e outros oficios tradicionais.

Ademais, se vostede nos visita o 18 de xullo, poderá gozar da tradicional Romaría de Santa Mariña, santa moi coñecida pola súa virtude para curar os animais. Ese día ten lugar a poxa de cordas e pés de porco, que os devotos levan á virxe como agradecemento polos favores concedidos. Os romeus aproveitan tamén para recoller terra santa que logo fornecen aos animais cando padecen algún mal.

Santuario da Virxe da Barca

A menos de 4 km de Santa Mariña transcorren os dous tramos do Camiño de Santiago que desde Fisterra e Dumbría conducen a Muxía, meta e punto final da Prolongación.

O Santuario da Virxe da Barca, a 8 km, famoso polas súas lendarias pedras, está intimamente vinculado á tradición apostólica.

Conta a lenda que atopándose Santiago Zebedeo nos cantiis, desanimado pola escasa acollida das súas predicacións entre os aldeáns, aparecéuselle a Virxe María, en carne mortal, para anunciarlle que debía volver a Galilea porque a súa obra estaba xa concluída.

Daquela viaxe en barca pétrea quédanos a vea (pedra dos Cadrís) e a nave (pedra de Abalar).

Ver Galería de fotos de Muxía >>