Compartir:
Fachada de Casa de Trillo

Aloxamento de Turismo Rural Grupo B - REAT: TR-CO-120

Casa de Trillo, de longa tradición histórica, atópase en Santa Mariña, pequena aldea do municipio coruñés de Muxía que aínda conserva o sabor da tradición.

En pleno mundo rural galego, a capela, dedicada a esta santa, o muíño, as fontes, o cruceiro e as sendas que a percorren participan dunha paisaxe de gran riqueza na que é fácil presenciar actividades agrarias, gandeiras e forestais en calquera recuncho.

Deleitaremos o noso intelecto co achegamento á historia de Galicia a través dos personaxes ilustres que saíron desta casa e dos documentos antigos que se conservan, o que nos aportará unha noción de como era a sociedade galega nos últimos cinco séculos.

A estancia na Casa tamén ofrece a oportunidade de coñecer a artesanía da Costa da Morte, tanto pola utilización destes produtos na decoración como pola exposición e venda dos mesmos.

e ademais...

· Xogos de mesa.
· Televisión, música, vídeo.
· Lectura.
· Minigolf.
· Horta.
· Sendeirismo polos arredores da casa.

Certificacións de calidade e sustentabilidade

Clasificación da Asociación Española de Turismo Rural e Certificado Básico Ceres

· Certificación CEHO-5s (Compostela Excelencia Hostelera).
· Certificación de Compromiso de Calidade Turística (Goberno Central, Xunta de Galicia e Diputación da Coruña).
· Certificación da Fundación Ecoagroturismo.
· Establecemento recomendado por El País Aguilar e Top Rural.
· Socio do movemento mundial Slow Food.
· Clasificación da Asociación Española de Turismo Rural [4 espigas]
· Certificación Básica Ceres
· Certificados de excelecia TripAdvisor.


























Salón de reunións

Salón de reunións

Dispoñemos dun salón de reunións multifuncional para grupos de 20 persoas.

Está provisto de mesa de traballo, sillas e pantalla conectable a ordenador.






Filosofía

Xardín de Casa de Trillo

En Casa de Trillo desexamos abrirlle unha porta á esencia da Costa da Morte e ao mundo rural galego. Somos conscientes de que o tempo é ouro e o noso obxectivo é converter os días de descanso dos nosos clientes en vivencias de autenticidade, paz e acougo, sen agoníos nin ruídos e en contacto directo coa natureza e coas nosas xentes. Para iso están a nosa atención persoal, as instalacións e as rutas que lles propomos.

Este é o Fogar do viaxeiro.

No entanto, debemos advertirlle de que se a vostede non lle gusta o campo, este non é o seu lugar; se busca as comodidades da gran cidade, este non é o seu lugar; e se prefire unha campá extractora no canto dunha cheminea, definitivamente Casa de Trillo non é o seu lugar.

Na Costa da Morte, ademais de gozar dunha boa gastronomía, poderá achegarse ao seu rico patrimonio tanxible e intanxible e a un mundo máxico de lendas ancestrais relacionadas coa condición de Fin do Mundo. A súa imaxinación escaparase entre os dólmenes, os castros, os castelos, os ríos, o lume dunha lareira ou a area do mar, e percorrerá os camiños que antano trouxeron a miles de peregrinos a coñecer o lugar onde todos os días morría o sol e acabábase a terra coñecida, e onde Hermes embarcaba ás almas dos mortos para que puidesen chegar á Illa da Eterna Felicidade.